Dámosche a benvida a AsDoSex, un espazo que reúne a un equipo de profesionais da sexología cun mesmo enfoque de traballo. Compartimos a curiosidade por entender dende onde facemos a nosa vida e canta coherencia teñen as nosas accións con aquelo que nos dá sentido.
Na nosa práctica profesional partimos da disciplina sexolóxica para achegarnos ás persoas, e incorporamos unha mirada biográfica para comprender cada historia de vida, cada vida de cada quen.
O primeiro paso é escoitarte. Queremos coñecer a túa historia: as túas vivencias e as túas percepcións.
A través do teu relato poderemos comprender aquelo que che está a suceder e como o estás vivindo.
Entendemos que cada forma de vivir e facer a vida é única e esta diversidade de experiencias vitais precisa dun acompañamento personalizado e axustado.
Ao longo da vida poden aparecer dificultades, dúbidas ou malestares relacionados coa sexualidade e as relacións coas demais persoas.
É por iso que acompañamos procesos relacionados con:
Polo feito de ser persoas sexuadas somos diferentes e é así como cada quen é único e valioso. Entendemos deste xeito a sexualidade como a vivencia de quen vou sendo ao longo da traxectoria VITAL:
A intervención que propoñemos é relacional, conversacional e personalizada.
Non nos centramos exclusivamente nos síntomas ou nas dificultades, en problemas ou aspectos biolóxicos, senón que abordaremos as túas inquedanzas comprendendo o significado que estas teñen na historia persoal de cada quen.
Para AsDoSex a sexualidade é unha dimensión humana que se vai configurando ao longo da vida a través das experiencias, as relacións, os valores e a historia persoal.
Traballamos dende o VALOR QUE TEN cada VIDA HUMANA, e polo tanto o respecto, a confidencialidade e a atención á diversidade son fundamentais.
Impórtanos fomentar a autonomía e cultivar os recursos persoais e sociais presentes na vida de cada quen.
Neste espazo acompañarémoste para que poidas entender mellor aquelo que estás a vivir, dando forma aos teus ANHELOS e cultivando a túa sexualidade, co fin de que atopes a túa singular maneira de expresarte, conducirte e relacionarte con quen desexas.
En cada consulta poñemos o foco nas potencialidades propias e/ou da relación, para facilitar a maneira na que atoparte -ou atoparvos- xuntos nas dificultades que estás ou estades a atravesar. Procurando o encontro e a convivencia cando é isto o que se desexa.
Consideramos a educación e a divulgación os piares fundamentais do noso traballo.
Desenvolvemos accións formativas e divulgativas orientadas a promover unha mirada sexolóxica e biográfica, favorecendo a A COMPRENSIÓN COMO BASE DA CONVIVENCIA.
O noso obxectivo é impulsar o benestar e a inclusión das persoas en diversos contextos socias, educativos e profesionais
Se sintes que algo da túa vida sexual, persoal ou relacional estache incomodando, ou se simplemente precisas un espazo para comprender mellor o momento vital no que te atopas, podes contactar con nós agora mesmo.